1
A CEBRA CAMILA


ALÁ NO CABO DO MUNDO,
NO PAÍS ONDE O VENTO DÁ A VOLTA,
VIVÍA UNHA PEQUENA CEBRA CHAMADA CAMILA.

COMO NAQUEL LUGAR O VENTO ERA TAN REVIRADO,
CAMILA TIÑA QUE ANDAR CON MOITO COIDADO
PARA NON PERDER AS SÚAS VESTIDURAS.

A SÚA NAI DICÍALLE SEMPRE QUE NON SAÍSE DA CASA SEN O CUEIRO E OS TIRANTES,
PERO CAMILA CADA DÍA ERA MÁIS GRANDE
E OS TIRANTES E O CUEIRO XA EMPEZABAN A INCOMODALA.

CAMILA SOÑABA CON DEITARSE NA HERBA
SEN AQUELES TREBELLOS AXUSTADOS.
TAMÉN SOÑABA QUE O VENTO
A LEVABA A ROLOS POLOS CAMPOS.

UN DÍA, CAMILA, SAÍU DA CASA
SEN ATENDER OS CONSELLOS DA SÚA NAI E ...



¿QUE FOI O QUE PASOU?

POIS QUE, POR ARTE DE REVIRAVENTO,DEIXOU DE SER UNHA CEBRA LISTADA E CONVERTEUSE EN ALGO PARECIDO A UNHA MULA BRANCA CON CAMISOLA A RAIAS.

AO VERSE ASÍ, BRANCA E ESFARRAPADA, CAMILA BOTOUSE A CHORAR.

CAMILA CHOROU OS SETE CHORARES POLAS SÚAS RAIAS.

LOGO QUEDOU PASMADA, MIRANDO PARA UNHA SERPE QUE ESTABA A MUDAR A CAMISA.

- ¿POR QUE CHORAS? - PREGUNTOULLE A SERPE.
- PORQUE O VENTO BANDIDO ME ESFARRAPOU O VESTIDO - CONTESTOU ELA SALOUCANDO.
- ACHÉGATE UN POUCO. DAREICHE UN ANEL PARA QUE O POÑAS NUNHA PATA - DIXOLLE A SERPE.
(que parecía estar ao tanto de moitas cousas caladas)

CAMILA SEGUÍU ANDANDO CUN ANEL NUNHA PATA... E UN POUCO MENOS DE PENA.

CHOROU SEIS BÁGOAS POLAS RAIAS QUE LLE FALTABAN.
LOGO QUEDOU PASMADA, MIRANDO UN CARACOL QUE TIÑA OS CORNOS AO SOL.
- ¿POR QUE CHORAS? - PREGUNTOULLE O CARACOL.
- PORQUE O VENTO BANDIDO ME ESFARRAPOU O VESTIDO - CONTESTOU ELA SALOUCANDO.
- ACHÉGATE UN POUCO. SUBIREI NO TEU BANDULLO E FAREICHE ARREDOR UNHA LISTIÑA DE PRATA QUE CHE IRÁ QUE NIN PINTADA.

CAMILA SEGUÍU CAMIÑANDO, CUN ANEL NUNHA PATA,UNHA LISTIÑA DE PRATA ... E UN POUCO MENOS DE PENA.
COMO ESTABA PREOCUPADA, VIÑÉRONLLE AS GAÑAS DE CHORAR E BOTOU OUTRAS CINCO BÁGOAS.

LOGO QUEDOU PASMADA CONTANDO AS CORES DO ARCO DA VELLA.

- ¿POR QUE CHORAS? - PREGUNTOULLE O ARCO DA VELLA.

- PORQUE O VENTO BANDIDO ME ESFARRAPOU O VESTIDO - CONTESTOU ELA SALOUCANDO.

- ACHÉGATE UN POUCO. BOTAREICHE UN REMENDO AZUL FRESQUIÑO COMO UNHA SEDA DE PRIMAVERA.

CAMILA SEGUÍU ANDANDO CUN ANEL NUNHA PATA, UNHA LISTIÑA DE PRATA, UN LINDO REMENDO AZUL ... E UN POUCO MENOS DE PENA.CHOROU CATRO BÁGOAS MÁIS POLAS RAIAS QUE LLE FALTABAN.

LOGO QUEDOU PASMADA, MIRANDO PARA UNHA ARAÑA, QUE ESTABA A TECER UN PANO.
- ¿POR QUE CHORAS? - PREGUNTOULLE A ARAÑA.
- PORQUE O VENTO BANDIDO ME ESFARRAPOU O VESTIDO - CONTESTOU ELA SALOUCANDO.
- ACHÉGATE UN POUCO. TECEREICHE UNHA ARAÑEIRA DE TUL E O TEU TRAXE SERÁ MÁIS ELEGANTE.

CAMILA VOLTOU A ANDAR DE NOVO,CUN ANEL NUNHA PATA, UNHA LISTIÑA DE PRATA, UN LINDO REMENDO AZUL, UNHA ARAÑEIRA DE TUL ... E UN POUCO MENOS DE PENA.

CHOROMICOU TRES BÁGOAS POLAS RAIAS QUE LLE FALTABAN.

LOGO QUEDOU PASMADA, ESCOITANDO A UNHA CHICHARRA QUE ESTABA TOCANDO UNHA MELODÍA.

- ¿POR QUE CHORAS? - PREGUNTOULLE A CHICHARRA.

- PORQUE O VENTO BANDIDO ME ESFARRAPOU O VESTIDO - CONTESTOU ELA, SALOUCANDO.

- ACHÉGATE UN POUCO. DAREICHE UNHA CORDA DO MEU VIOLÍN E TERÁS UN AIRE MUSICAL.

CAMILA SEGUIU ANDANDO, CUN ANEL NUNHA PATA, UNHA LISTIÑA DE PRATA, UN LINDO REMENDO AZUL, UNHA ARAÑEIRA DE TUL, UNHA CORDA DE VIOLÍN ... E UN POUCO MENOS DE PENA.

CASE CHEGANDO A CASA, CHOROU DÚAS BÁGOAS POLAS RAIAS QUE LLE FALTABAN.

LOGO QUEDOU PASMADA, MIRANDO PARA UNHA OCA QUE COXEABA DUN PÉ PORQUE LLE MANCABA UN BOTÍN.

- ¿POR QUE CHORAS? - PREGUNTOU A OCA.

- PORQUE O VENTO BANDIDO ME ESFARRAPOU O VESTIDO - CONTESTOU ELA SALOUCANDO.

- ACHÉGATE UN POUCO. ATAREICHE NO LOMBO UN AMALLÓ DE BOTÍN E IREMOS AS DÚAS MOITO MELLOR.

A OCA MARCHOU FELIZ, DESCALZA DO PÉ QUE TIÑA MACHUCADO.

CAMILA, XA LEVABA ANDADO
MOITO CAMIÑO, CANDO, POR FIN, CHEGOU
A SÚA CASA CUN ANEL NUNHA PATA,
UNHA LISTIÑA DE PRATA,
UN LINDO REMENDO AZUL, UNHA ARAÑEIRA DE TUL, UNHA CORDA
DE VIOLÍN,
UN AMALLÓ DE BOTÍN ...
E UN CASE NADA DE PENA.

A NAI CEBRA ESTABA SENTADA
NA PORTA. CANDO CAMILA SE ACHEGOU A
ELA AÍNDA TIÑA UNHA BÁGOA ESVARÁNDOLLE POR UN OLLIÑO.

- ¿ONDE TE METICHES, CAMILA, QUE NON TE ATOPABA?
- O VENTO ...
(A nai de Camila fixo coma que non a escoitaba porque tiña ganas de dicirlle algo moi importante)
- ESCOITA, CAMILA: XA ESTÁS MOI GRANDE, ASÍ QUE VAI SENDO TEMPO DE ESQUECER OS TIRANTES E O CUEIRO.
AO DECATARSE DA BÁGULLA QUE LLE ESVARABA DUN OLLO, A NAI TENTOU CONSOLALA.
- NON CHORES. FÍXENCHE DAS MIÑAS CRINES UNHA FITA MOI LONGA PARA ADORNAR A TÚA MELENA.

CAMILA, QUE XA MEDRARA CASE UNHA CUARTA, PÚXOSE NAS PUNTAS DOS PEZUÑOS E DEULLE Á SÚA NAI
UN ABRAZO GRANDE GRANDE,
SEN CUEIRO NIN TIRANTES.
E ESTIROUSE TODA PARA LUCIRSE MELLOR E PARA QUE A SÚA NAI
A VISE BEN,CUN ANEL NUNHA PATA,
UNHA LISTIÑA DE PRATA,
UN LINDO REMENDO AZUL,
UNHA ARAÑEIRA DE TUL,
UNHA CORDA DE VIOLÍN,
UN AMALLÓ DE BOTÍN,
UNHA FITA NA MELENA....
E SEN NADIÑA DE PENA.

E COLORÍN, COLORADO, ESTE CONTO ESTÁ XA REMATADO. POR UN LADO E POLO OUTRO, MAÑÁ CONTAMOS OUTRO.